Ingredientes (para 4 personas)
- 2 solombos de poldro galego
- 400 g de castañas
- 1 cebola
- 8 dentes de allo
- 1 vaso de viño branco
- Romeu
- Sal
- Pementa
- Aceite de oliva virxe
Imos cunha rica suxerencia outonal: solombo de poldro con castañas. Se te manexas ben co forno, esta receita resultarache moi sinxela. Vexamos como se prepara.
Modo de preparación:
- Comezamos bridando a carne de poldro co romeu. Facémolo cun cordón de cociña. Este paso é opcional pero axudaranos posteriormente para realizar os cortes.
- Salpementamos ao gusto e enzoufamos a carne con aceite de oliva virxe. Estendemos o sal e a pementa por toda a carne.
- Nunha bandexa para o forno, colocamos cebola picada á xuliana, os dentes de allo picados e as castañas.
- Colocamos a carne unha bandexa e botamos un vaso de viño.
- Metémola no forno prequentado a 200º.
- Deixamos que se ase durante 10-15 minutos. Despois baixamos a 180º e seguimos asando durante outros 30 minutos. Dámoslle a volta á carne cando pase a metade deste tempo.
- Unha vez estea lista, sacamos a bandexa e deixamos repousar uns minutos.
Para a presentación, cortamos os solombos en sentido transversal, colocámolos no prato e colocamos á beira un par de castañas. Cunha culler, botamos a salsa resultante da cocción no forno. E lembra que na nosa páxina podes coñecer máis receitas, descubrir todo sobre as propiedades da carne de poldro e coñecer o seu corte e despezamento.